Morgana en Esmelle - Begoña Caamaño

Título orixinal: Morgana en Esmelle
Ano: 2012
Editorial: Galaxia
Tradutor: --
Páxinas: 211
Ficha en Goodreads | Ver en Amazon

En Morgana en Esmelle Begoña Caamaño rescata a materia de Bretaña e a ollada que Álvaro Cunqueiro lle aportou ao mito en Merlín e familia. (Nesta obra, o escritor conta a través de Felipe de Amancia, paxe de Merlín, a súa vida no pazo de Miranda)

Morgana en Esmelle comeza coa chegada de Morgana, a irmá do rei Artur ao pazo de Miranda e amais da súa estadía alí, coñecemos os acontecementos que marcaron a súa vida dende a morte do seu pai Garlois e o casamento da súa nai co rei Uther Pendragón ata a súa caída en desgraza ao converterse na amante do seu propio irmán.

Catro voces distintas contan esta historia: Felipe de Amancia, Merlín e Morgana, que aportan os seus puntos de vista sobre os acontecementos que narran ou sobre as persoas das que falan; e as "Crónicas de Avalon", unha visión obxectiva dos acontecementos que tiveron lugar. A novela céntrase no papel de Morgana, mais tamén ensalza o lugar de outras mulleres como a súa tía Viviana, á que coñecemos principalmente por Merlín cando este lembra o tempo que pasaron xuntos na illa de Ávalon e que se opón aos seus plans.

O principal conflito da novela son as diferenzas entre Viviana e Merlín sobre o que é mellor para o seu país, Britania. Merlín, comeza a tecer unha rede de intrigas co obxectivo de converter a Artur no rei que, segundo el, Britania necesita. Cando consegue definitivamente que o rapaz se una á súa causa Viviana non sabe como evitalo e decide levarse a Morgana, todavía unha nena, coa arela de que lle sexa útil nalgún momento.

Cando Morgana visita a fraga de Esmelle despois da caída de Camelot tanto ela coma Merlín, e mesmo a raíña Xenebra, tentan resarcirse como poden dalgúns dos seus actos pasados e aprender a vivir coas consecuencias destes.

Albiscase cando o narrador é un dos personaxes un desexo de trocar o pasado ou, en ocasións, de revivilo que aportan un toque máxico de morriña e o ter distintas voces narrativas dalle axilidade á historia amais de axudar a coñecer mellor aos que nos falan.

Malia que a historia do rei Artur e Merlín foi contada e adaptada milleiros de veces Morgana en Esmelle dalle ao mito unha ollada diferente que merece a pena.


Morgana en Esmelle - Begoña Caamaño Morgana en Esmelle - Begoña Caamaño Reviewed by Silvia on 20:52 Rating: 5

No hay comentarios:

Con la tecnología de Blogger.