Son noxento - María Xosé Queizán

Título orixinal: Son noxento
Ano: 2015
Editorial: Xerais
Tradutor: --
Páxinas: 108
Ficha en Goodreads | Ver en Amazon

Son noxento é unha novela curta composta polo monólogo do protagonista principal, Suso. Un home obsesionado polo sexo que acaba casando con Lilí, unha rapaza de boa familia e que o adora, malia que el mesmo non é quen de compendrer moi ben as razóns. Suso sentiuse sempre un home libre incapaz de atarse a ningunha muller máis o corpo e os cartos de Lilí lévano a unha situación nova para el da que tenta sacar proveito como sexa.

Suso é un home profundamente desagradable dende o principio, mesmo cando está a facer as beiras a Lilí. A historia non é nada do outro mundo, e iso é o aterrador. O realista que resulta un personaxe tan abominable e, como él mismo repite en varias ocasións, noxento.

A novela comeza pouco antes da boda entre Lilí e Suso e remata anos despois polo que coñecemos a maior parte da vida do protagonista e como el mesmo vai tornando cada vez máis escuro, obsesivo e perigoso. Suso sabe que é un mal home, mesmo bromea coa cantidade de veces que distintas mulleres ao longo da súa vida lle chamaron demo, e síntese ben. Acéptase tal como é e non ten ningún interese en mudar e tentar mellorar. Deforma e retorce todo tipo de feitos e mesmo preceptos relixiosos para xustificarse e convencerse de que nin sequera é tan malo. Hai moitos homes peores ca el.

Malia o que poida parecer nun primeiro momento, Suso no é a única mala persoa do relato. Moitos dos personaxes que o acompañan ou se cruzaron con el ao longo da súa vida gardan os seus segredos e cometen as súas faltas.

A historia está narrada por Suso nunha especie de monólogo interior no que salta duns recordos a outros dunha forma un tanto brusca ou deixa a medias algúns pensamentos porque "eu non son moi de pensar". Isto fai que dun parágrafo a outro avances ou retrocedas varios anos. Outra das características deste narrador son as constantes referencias a cancións populares ou moi coñecidas que Suso inclúe constantemente e, a máis evidente, o malfalado que é. Sempre ten un hostiaputa ou mecaghonacona na boca.

Eu non acabei de conectar con esta forma de presentalos feitos. Penso que a novela resultaría moito máis efectista cunha narración máis simple e doada de seguir que acompañe ao sinxelo das accións que relata. Non me malinterpretedes, non é unha historia dificil de entender e ten o seu valor engadido o entrar na cabeza dun pensonaxe tan monstruoso e desprezable como é Suso.

Unha novela curta pero complexa e chea de significado que fai reflexionar ao lector sobre un tema moi duro.


Son noxento - María Xosé Queizán Son noxento - María Xosé Queizán Reviewed by Silvia on 14:00 Rating: 5

2 comentarios:

  1. Ten boa pinta :)
    Aínda que quizais me cabree, creo que paga a pena polo tema que trata.
    Bicos e boa semana!!

    ResponderEliminar
  2. Pois estou de acordo en que ten boa pinta. Vouno anotar para ver se son quen de conseguilo.
    Parabéns pola reseña.
    Bicos.

    ResponderEliminar

Con la tecnología de Blogger.