lunes, 27 de octubre de 2014

Dos arquivos do trasno - Rafael Dieste

Título orixinal: Dos arquivos do trasno
Ano: 1926
Editorial: Galaxia
Tradutor: --
Páxinas: 112
Ficha en Goodreads | Ver en Amazon

Dos arquivos do trasno é unha antoloxía de vinte relatos breves nos que Dieste mestura elementos misteriosos e máxicos do maxín popular coa realidade das vilas galegas de principio do século XX.

En Dos arquivos do trasno atopamos relatos nos que Dieste deixa ao lector a escolma dos feitos e permítelle construír unha teoría sobre os feitos acontecidos. Así ocorre en Sobre da morte de BieitoA luz en silencioEspanto de nenos ou Un conto de reis entre outros.

Ao igual que en moitas das obras deste tempo, e da literatura galega en xeral, están moi presentes os temas da emigración e da dura vida mariñeira. Aínda que non ocorra así en A grandor do mundo, A ponte de ferro e O caso dos tres fornos, semella que o autor tenta tratar estes asuntos dende un mesmo punto de vista xa que na maioría dos casos o que Dieste refire é a separación da unidade familiar como en A volta, A historia dun xoguete, O vello moreno ou Nova York é noso.

Nesta novela podemos atopar historias moi diversas que deixan no lector unha mestura de maxia, tristura e morriña. Así conviven retratos realistas da vida cotiá (De como se condeou o Ramires, O vagamundo, O vello que quería ver o tren, Na morte de Estreliña, Pampín, De como viu a Rianxo unha balea...) con historias fantásticas, entre as que destaca a obra teatral O drama do cabalo de xadrez, cuxos personaxes son as pezas do xogo, O neno suicida ou Once mil novecentos vinteseis.

Persoalmente, considero Dos arquivos do trasno como un dos mellores libros de relatos que lin na miña vida. Rafael Dieste seméllame un mestre do conto curto, é capaz de facer sentir moito ao lector en poucas verbas. Admiro como consegue desacougar tanto ao lector cuns elementos tan sinxelos e unha trama tan simple como a de A luz en silencio, por exemplo. Eu, sen dúbida, recoméndoo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario