Begoña Caamaño naceu o 14 de outubro de 1964 no barrio vigués do Calvario e morreu en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014 a causa dun cancro de páncreas que se lle detectou no 2011. Xornalista de profesión, traballou para varias canles de radio (Radio Popular Vigo, Radio Noroeste) e como correspondente en Vigo para varios medios (Axencia Galega de Noticias, El Sol) amais de colaborar con periódicos galeguistas como A Nosa Terra ou Novas da Galiza, revistas feministas (Festa da Palabra Silenciada) e formar parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar!
Comezou a traballar na Radio Galega en 1989, primeiro dende Vigo e a partires de 1992 na redacción central en Santiago, ocupándose principalmente de temas culturais. Tamén levou a cabo labores sindicais e como presidenta do Comité Interempresas da CRTVG denunciou a manipulación informativa en casos importantes para a sociedade, como o afundimento do Prestige.
Ambalas dúas novelas que publicou, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), tiveron unha boa acollida entre o público e tamén entre os críticos. Morgana en Esmelle foi premiada como mellor novela narrativa pola AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) e pola AECL (Asociación Española de Críticos Literarios) amais de recibir o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria e o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción.
Begoña Caamaño
Reviewed by Silvia
on
17:07
Rating:
No hay comentarios: